FORMACIÓN
Coñece toda a información que rodea
ao mundo das Altas Capacidades
Formación e boas prácticas para unha educación inclusiva en altas capacidades
En ASAC Galicia participamos activamente na formación do profesorado, convencidas de que unha resposta educativa adecuada ao alumnado con altas capacidades require coñecemento, reflexión e boas prácticas. Por iso impulsamos diferentes iniciativas formativas e de sensibilización no ámbito educativo.
Entre elas destacan as Medallas ASAC Galicia, un concurso anual que recoñece e dá visibilidade aos centros que desenvolven prácticas inclusivas e eficaces, e as palestras formativas, dirixidas ao profesorado, orientadas a afondar na comprensión das altas capacidades e a favorecer a aplicación de programas baseados no coñecemento científico.
Medallas ASAC Galicia: Premio ás Boas Prácticas Educativas para Alumnos con Altas Capacidades
Cada ano, en ASAC Galicia impulsamos esta iniciativa , un premio destinado a recoñecer o compromiso, o esforzo e o bo facer dos centros educativos galegos que dan resposta de maneira eficaz ás necesidades do alumnado con altas capacidades intelectuais.
A través deste recoñecemento, buscamos visibilizar e poñer en valor boas prácticas educativas que, desde unha perspectiva inclusiva, contribúen ao benestar do alumnado e favorecen o desenvolvemento pleno do seu potencial, promovendo unha escola máis xusta e con igualdade de oportunidades.
Ámbitos de recoñecemento
As Medallas ASAC Galicia distinguen proxectos educativos que favorecen o desenvolvemento integral do alumnado en diferentes ámbitos clave:
- Desenvolvemento intelectual, promovendo o pensamento crítico, a creatividade e a resolución de problemas complexos.
- Crecemento persoal, potenciando a autonomía, a autoestima e a confianza en si mesmos.
- Habilidades sociais, favorecendo a integración social, o traballo cooperativo e unha comunicación efectiva coa contorna.
CEIP Valle Inclán (Vigo)
As Medallas ASAC Galicia 2024 entregáronse o 11 de xaneiro de 2025 na USC. A Medalla foi concedida ao CEIP Valle Inclán (Vigo), cun premio de 1.000 €, e os accésits aos centros IES Isidro Parga Pondal, Colexio Eirís e Colexio DS, polo seu compromiso coas boas prácticas educativas inclusivas.
IES Monelos (A Coruña)
A Medalla ASAC Galicia 2025 foi outorgada ao IES Monelos (A Coruña) polo proxecto “Construíndo a base para a inclusión do talento”, recoñecido cun premio económico de 1.000 €.
Palestras formativas para o profesorado
Formación periódica en altas capacidades desde ASAC Galicia
Desde ASAC Galicia ofrecemos de maneira regular palestras formativas online dirixidas ao profesorado, co obxectivo de achegar coñecemento rigoroso, baseado na evidencia científica e na boa práctica educativa, sobre a atención ao alumnado con altas capacidades.
Estas sesións constitúen un servizo estable de formación e asesoramento, orientado a favorecer a inclusión educativa, a implantación de programas axeitados e a mellora da resposta dos centros educativos ás necesidades deste alumnado.
Participaron docentes de numerosos centros educativos de toda Galicia, como o IES Monelos (A Coruña), o CEIP Valle Inclán (Vigo), o IES de Oroso (Sigüeiro), o Colexio Eirís (A Coruña), o CPI Cova Terreña (Baiona), o CEIP Plurilingüe de Tui, o IES de Beade (Pontevedra), o CPI Terras de Maside (Ourense), o CEIP San Pedro de Visma (A Coruña), o Colexio Divino Maestro (Lugo) e o Conservatorio Superior de Música da Coruña, entre outros.












